Algúns cegos foron autodidactas, aprenderon pouco a pouco e de oído e foron preparando composicións máis ou menos afortunadas para iren andando os camiños e vendendo as súas coplas. Dado o estado de desprotección e de miseria, facíanse acompañar dalgún membro da familia para levar algunha guía, orientarse polos difíciles camiños, pedir esmola, vender por entre a xente as coplas, buscar os lugares máis axeitados... Eran estes os cegos que máis limitacións tiñan porque ninguén lles ofrecera a oportunidade de aprender no instrumento que moitas veces herdaran ou construíra calquera carpinteiro. Non por isto foron os que menos feiras e romarías andaron nin os que menos repertorio tiñan.
Das conversas que con diferentes cegos tivemos, todos eles cunha extraordinaria memoria, decatámonos que case todos gardan lembranza das poucas Escolas que había e que tiñan un ensino especial acorde as súas deficiencias. Alí, contan, que a pesar das moitas limitacións, dos tempos ruíns, etc... atopáronse cuns profesores videntes que lles ensinaron a potenciar as súas habilidades. En Santiago estaba a "Real Sociedad de Amigos del País" coa que colaboraban diversas entidades, tamén ‑ e foi a máis destacada ‑ estaba o "Colegio Regional de Sordomudos y de Ciegos" onde tiñan clases de cultura xeral impartida por D. Enrique Rodeiro Muíño, de quen recordan que lles traía prospectos de medicinas para escribir en braille.
Naqueles tempos poucos tiñan a posibilidade de empregaren papel e o normal era usar unha pizarra ou unha lousa co consabido “pizarrín". Lembran a profesora das mulleres, das cegas, Dna. Carmen Cabezas que tamén era a profesora de francés, a D. Emilio Gutiérrez, profesor de música, a D. Angel Brage, profesor de solfexo e tamén director do Conservatorio de Santiago, moi bo pianista e irmán do Brage que dirixiu a Banda de Ribadavia, a D. José Gómez Veiga "Curros", profesor de piano e violinista da catedral, home de gran talento e moi estrito, que non permitía nin un fallo.
Alí estudou o Cego de Aldixe, o Sr. Eladio ‑de quen temos algunha recolla‑ e tamén o Sr. Ramiro, bo amigo e colaborador nos traballos de recolla e elaboración da Cultura Tradicional. Dos bos estudantes que por alí pasaron lembran a un grande pianista de jazz, Amadeo Vazquez Gil, artista que, incapacitado para ver, rapidamente acompañaba calquera tema que intuitivamente deducía coa primeira escoita.
Na Coruña tamén había unha escola pero tivo menor incidencia, había a que chamaban "Escola do Caldo" da que foi director o posteriormente Delegado da Once D. Vicente Legaspi Arce.
Existen documentos antigos nos que algún cego, mediante contrato asinado diante escribano, acollía na súa casa alumnos para ensinarlles o oficio sobre todo o concernente a zanfona. Nun en concreto a aprendizaxe duraba dous meses.