Tentamos facelas o máis sinxelas posibles sen incluír mordentes ocasionais ou variables, e buscando ás veces a melodía casada en compás e tempo, todo isto avisando e contando con que quen se achegue a este traballiño terá sempre máis en conta o documento sonoro que as nosas opinións. Digamos que as partituras que ofrecemos son unha simple guía para que cada quen elabore a súa.
Por veces escribimos a terceira ou cuarta estrofa. Isto débese a que e moi común que o informante empregue as primeiras dúas ou tres estrofas para recordar e fixar a melodía e a letra. Pénsese que, xeralmente, os informantes son xente de idade, que hai anos que non canta ou que alomenos non canta tan asiduamente coma cando era máis novo e ademais por veces padece, o tabaco... e a garganta non e a mesma nin o espírito. Nunca ofrecemos versións de informantes pouco fiables. Temos o costume de provocalo para que nos cante, en cada recolla, unha canción moi coñecida e actual e así medirlle o grao de fiabilidade.
É preciso chamar a atención sobre do feito de que as melodías non son fixas, e así un informante pode interpretar hoxe un cantar cunha melodía e mañá con outra diferente, ou tamén pode cantar dous ou tres romances co mesmo son (como gusta a xente de chamarlle as melodías).
As partituras que non levan documento sonoro pertencen a cantares coñecidos por nós desde a infancia ou a recollas das que extraviamos a cinta, ou que esta se encontra moi deteriorada.
As melodías dos Cantares de Cego están ó servizo da letra, porque neles prima máis o que se di. Como non hai soporte rítmico (raras veces usaban unha pandeira), a música interpretase seguindo as necesidades dos versos, así unha nota longa en determinadas estrofas alóngase máis ou pasa a ser unha nota curta, ou tamén se parte en dúas. A mesma melodía ó comezo do cantar pode ser excesivamente lenta e adornada en demasía co violín para chamar a atención da clientela da feira ou romaría.
Unha melodía, por veces moi coñecida noutros mesteres, pode "primitivizarse" ata adoptar unha forma musical propia que se caracteriza pola súa liberdade de interpretación. Se a isto engadimos que a xente aprendía de oído a música na feira, co paso do tempo, o son aprendido adquire personalidade propia, é dicir, adáptase ó novo posuidor. Todo isto fai que un mesmo cantar poida dar lugar a outros que co tempo e por zonas cheguen a seren diferentes.
Os cegos nas romarías tiñan por costume recorreren as merendas e cantaren cántigas de louvanza ó petrucio, á súa dona ou á familia. Por veces, cando se aproximaban, alguén da merenda erguíase e dáballe, baixo corda, algún dato: nome, afección, habilidade, traballo... co que o cego improvisaba as súas cántigas provocando así a ledicia dos presentes e recibindo mellor esmola.
E por último está o tema da pureza do folclore que tamén é algo bizantina. Nós non nos pararemos a discutir influencias e procedencias. So naqueles casos nos que claramente a peza ou algún dos seus dous compoñentes (letra e melodía) pertenza claramente a outras terras farémolo constar, se o sabemos. Do resto, este proxecto non pretende ser nada máis ca unha devolución do que nos foi dado. Ten moitas limitacións pola idade (eramos novos e tivemos que ir aprendendo pouco a pouco), escaseza de coñecementos, medios precarios de gravación... Non ofrecemos ningún estudio, non somos investigadores nin queremos selo.