Os Cantares de Cego que non levan partitura nin gravación foron recolleitos directamente da "copla", que moitas veces nos era ofrecida, pero que nos, sabedores do valor que tiña para a xente copiabamos literalmente ou fotocopiabámola (o invento da fotocopiadora foi máis tarde). Sempre que poña "recollida dunha copla"' quere dicir que está con tódolos erros ortográficos e de imprenta que atopamos. Outras foron recollidas ó ditado, recitadas e, como non, cantadas.
Énos imposible ofrecer tódalas versións que temos das letras e das músicas que se repiten. Quere isto dicir que dun determinado cantar temos dous ou máis informantes coa mesma música. Nestes casos poñerase so un. Algunhas das coplas sufriron unha común estancia con ratos e humidades que as deterioraron, por iso faltan cachos. Nas letras que corresponden ás faladas e cantadas tentamos reflectir a pronuncia do/da informante. Daremos sempre a letra máis completa das versións que temos. As letras dos cantos que incluiremos coidamos que están perfectamente entendibles e non as incluímos.
Queremos facer unha chamada a reparar no feito de que foron, moitas delas gardadas na memoria, nos diriamos “memorión” das xentes do común que as aprendían para repetilas recitadas ou cantadas en momentos propicios. É necesario resaltar que a poesía, a estes niveis e a outros máis altos, foi algo común ás nosas xentes e que a usaban con cotianeidade, cousa que hoxe, con máis instrución que non cultura, e máis raro oír.
Moitas están en castelán, nada raro dado que a diglosia foi e é un feito e un problema que aínda arrastramos. A agresión das escolas, da política da "Unidad de destino en lo universal", dos medios de ¿comunicación?, foi tal que pouco a pouco se fixo notar. Para nos e algo que forma parte da nosa historia pasada e presente e non podemos fuxir dela. Non podemos ignorala e tampouco queremos.